A Nosa Historia


 

A historia contemporánea de Oleiros é a historia de Alternativa dos Veciños. Non se pode entender este concello sen Alternativa dos Veciños, nin este grupo político sen Oleiros. Resistencia, loita incansable e triunfo son algúns dos innumerables termos que precisaríamos empregar para explicar e definir todo o traballo que este colectivo vén realizando dende hai máis de tres décadas para acadar a actual situación de benestar da que gozan todos os vecinos e veciñas de Oleiros.

No ano 1975 a poboación de Oleiros era de 11.500 habitantes e a situación que atravesaba o municipio ía camiño de converterse nun suburbio degradado da cidade da Coruña. Ante esta situación, entre os anos 1975 e 1976, constitúense as primeiras Asociacións Veciñais do municipio: “A Ría” de Perillo, “Os Rueiros” de Nós, “Santaia” de Santa Cruz de Liáns, e “Semade” de Serantes-Maianca-Dexo. Estes colectivos levan a cabo un intenso traballo social e cultural e ademais comezan unha serie de campañas denunciando o abandono e a marxinación a que estaban sometidos os veciños do municipio: falta de prazas escolares (só existía un colexio público e dous privados), privatización e contaminación das nosas praias, destrución da riqueza marisqueira, e sobre todo os frecuentes abusos urbanísticos que atentaban incluso coa legalidade vixente.

Ante a pasividade das distintas Administracións, os membros das devanditas Asociacións e outras que se formaran entre os anos 1976 e 1978, deciden presentarse as primeiras Eleccións Municipais democráticas do ano 1979, formándose unha candidatura veciñal que representaba ás nove parroquias có obxectivo principal de facer da Casa Consistorial unha autentica casa dos veciños e que o territorio municipal fose un lugar habitable cos servizos necesarios que posibilitaran unha calidade de vida digna para todos. Este movemento veciñal asembleario concorre entón as eleccións co nome de Candidatura dos Veciños e que hoxe recibe o nome de Alternativa dos Veciños.

Aquel movemento veciñal tiña claro que non podíamos deixar que os demais, “os de sempre”, seguisen a face-las cousas “por nós”, porque iso era sinónimo de facelas “para eles”, para seguir sacando beneficios e seguir enriquecéndose a costa de condenar ó perpetuo subdesenrolo ós habitantes de Oleiros. Sabíamos que tiñamos que tomar cartas no asunto, e que só unha alternativa nacida dende, por e para os propios veciños era a solución para poñer freo ós constantes abusos que dende o poder local, ben arroupado polos poderes autonómico e central, estaban a facer con nós. Así naceu Alternativa dos Veciños, apoiada solidamente nos resortes do movemento asembleario veciñal, e establecedendo un sistema de eleccións absolutamente transparente e no que reinaba a decisión dos propios veciños. Certo é que esta organización xurdíu co fin de se presentar ás eleccións municipais, e así se fixo, pero tamén é certo que o devir dos tempos, foi ampliando as aspiracións sociais da “Alternativa”, porque entendemos dende sempre que non nos podemos limitar a loitar pola calidade de vida dos cidadáns de Oleiros, senón que defendemos irrenunciablemente o dereito de tódolos pobos do mundo a esa calidade de vida, a vivir con dignidade, a loitar contra dos desequilibrios sociais e territoriais, e en definitiva, a defende-lo dereito dos pobos a decidi-lo seu propio futuro, seren donos de seu e soberanos no seu territorio.  

Por iso, Alternativa dos Veciños sempre nos mantivemos ó lado dos pobos máis desfavorecidos, agredidos polos poderes máis salvaxes e imperialistas, ó lado dos pobos que loitan pola sobrevivencia e o seu dereito a unha vida digna na propia terra. Non somos un partido político; non temos carnés nin cotas de afiliación; non estamos supeditados a ningún ideario político encasillado no espectro político actual. Somos abertos, respectuosos co ideario político de cada quen, pero iso sí: somos profundamente progresistas e defensores do ser humano, e consideramos que os dereitos humanos non teñen fronteiras nin muros, nin teñen por que ter voces que se autoelixen xuíces que deciden quen ten dereito a comer, e quen non; quen ten dereito a vivir, e quen non; que pobo pode ser soberano e que pobo ten que vivir sometido ós grandes poderes que destrúen o mundo. Alternativa dos Veciños, cando se trata de concorrer ós comicios municipais, ten un sistema de votación rigorosamente democrático e asembleario. Ata os propios candidatos a figurar na candidatura, son elixidos nunha primeira rolda de eleccións primarias, polos propios veciños. Tódalas parroquias e distritos, teñen que estar representados na candidatura: ningún núcleo de poboación quedará sen representación. Por iso o Grupo de Alternativa dos Veciños presenta a uns candidatos elixidos previamente polo pobo para ser candidatos, e nunha segunda rolda, son tamén os propios veciños quen deciden a orde da candidatura. Aquí, ningunha ‘directiva’ exerce de “ordeno e mando” para poñer ou sacar candidatos, porque quen deciden, son os veciños e veciñas. Isto explica que, dende o ano 1979 que goberna o concello Alternativa dos Veciños, a súa implantación social fose medrando e a incorporación de veciños na vida activa municipal vaia en incremento constante. Porque as iniciativas que se levan a cabo dentro do Goberno Municipal, son froito das demandas dos propios veciños e veciñas. E a actuación no Goberno Municipal por parte de Alternativa dos Veciños, non é máis cá vontade dos propios veciños e veciñas, auténticos protagonistas do desenvolvemento que o concello de Oleiros leva acadando nas últimas décadas. 

Como froito da súa xestión, Alternativa dos Veciños recibiu o Premio Felipe León 2000 a la Convivencia Creadora outorgado pola Fundación León Felipe e o Ateneo de Madrid cos seguintes razoamentos:

“Que en Oleiros (A Coruña), fomentando el entendimiento y la unión entre los vecinos, lograron resistir a los grupos de poder económico que querían transformar su municipio en un campo de especulaciones inmobiliarias y que su medio ambiente urbano y rural, sobre todo las zonas próximas a las playas, se llenaran de rascacielos y de construcciones abigarradas, carentes de una planificación urbanística que asegurara un entorno habitable y una buena calidad de vida. ALTERNATIVA DOS VECIÑOS, ganando todas las elecciones desde 1979, se ha mantenido en el poder municipal como fruto de su acertada gestión que ha convertido a OLEIROS en el municipio más destacado de la región por la calidad de equipamiento, servicios públicos y una administración urbanística modélica.”  

Outros galardoados xunto con Alternativa dos Veciños foron:

- Agustín Ibarrola: Premio León Felipe 2000 a los valores cívicos

- Rigoberta Menchú: Premio León Felipe 2000 por la justicia

- Ecologistas en Acción: Premio León Felipe 2000 por la defensa de la naturaleza

- Raúl Guerra: Premio León Felipe 2000 por la libertad de expresión

- Seminario Galego de Educación pola Paz: Premio León Felipe 2000 por la paz. 

 

  

 

  

 

Axenda Alternativa