Criterio
Mes
Ano

O Goberno municipal de Alternativa dos Veciños demanda que o Estado elimine as restricións ao uso do superávit municipal

27/04/2017

O pleno do Concello de Oleiros celebrado esta tarde aprobou unha moción pola cal se insta ó goberno do Estado e ós grupos parlamentarios a que modifiquen a lexislación de maneira urxente para que os municipios poidan empregar o superávit do exercicio do 2016 para calquera fin que estimen oportuno. O que se reclama é que os concellos poidan reinvestir o superávit sen máis restricións que o cumprimento da estabilidade orzamentaria. 

As trabas impostas ao investimento do superávit en novas obras e servizos impídelle á cidadanía que os Concellos poidan mellorar máis a súa calidade de vida. Incomprensiblemente, os Gobernos locais non poden destinar os fondos do superávit a novos equipamentos e infraestruturas públicas malia contar con recursos para elo. 

Na sesión, o Goberno municipal de Alternativa dos Veciños e o BNG aprobaron unha declaración en apoio ás reivindicacións da Comisión Aberta en Defensa do Común da Coruña para que a Autoridade Portuaria devolva gratuitamente ao Concello da Coruña os terreos da Solana e do hotel Finisterre, cando acabe a actual concesión que remata en 2027. Precisamente, para defender este asunto, o vindeiro domingo día 7 de maio celebrarase unha manifestación na Coruña que contará co apoio do Goberno municipal.

Ademais, o pleno municipal aceptou a doazón de terreos da ex alcaldesa Esther Pita, aprobou unha modificación puntal do Plan Xeral que afecta á aliñación dunha finca na rúa Doutor Fleming e deu o visto bo á sinatura do convenio entre o Concello e a Deputación para crear o espazo de coworking no Pazo de Arenaza.

Ver todas as noticias de Oleiros

Axenda Alternativa