Criterio
Mes
Ano

Alternativa dos Veciños insiste na urxencia de constituír a Área Metropolitana

26/06/2017

O Grupo provincial de Alternativa dos Veciños reitera a urxencia da aprobación da declaración nos Plenos de A Coruña e Arteixo para a constitución da Área Metropolitana da Coruña.

Ángel García Seoane, voceiro provincial de Alternativa dos Veciños, insiste na importancia e urxencia da constitución do ente supramunicipal que xestione as demandas máis necesarias para a área: «O desenvolvemento da Área Metropolitana está ligado á mellora dos accesos á cidade, Alfonso Molina e a Pasaxe, o paso a nivel do Sol y Mar e o vial 19; así como ao uso do solo do porto da Coruña para a creación dunha estación intermodal que solucione os principais problemas de transporte público. Tamén son de suma importancia actuacións coma o dragado da ría do Burgo, o tren de cercanías, a mellora da rede de augas e a continuidade da Vía Ártabra», asegura Gelo.     

 

O deputado provincial de Alternativa tamén se refire á decisión dos Plenos municipais de Abegondo e Carral de adherirse á Declaración de María Pita: «Non se trata dun empuxón destes dous concellos para a creación da Área, tal e como aseguran os medios estes días. Trátase dunha adhesión “tarde, mal e a rastro”. Non podemos esquecer que foi o propio PP provincial de Diego Calvo o que boicoteou desde o inicio a declaración de María Pita. Tamén o PP e o PSOE coruñés teñen que deixarse de bloqueos e comprender a importancia superior do proxecto da Área Metropolitana. Os Plenos de A Coruña e Arteixo teñen que aprobar a adhesión» manifesta García Seoane.

 

Alternativa dos Veciños considera imprescindible deixar a demagoxia e os intereses partidistas a un lado para centrarse na creación dun ente que mellore a vida da cidadanía e leve á área da Coruña a un nivel de desenvolvemento acorde á importancia que ten esta zona para o país.

Ver todas as noticias de Oleiros

Axenda Alternativa