Criterio
Mes
Ano

O Goberno municipal de Alternativa dos Veciños destinará 18.150 euros para dous proxectos de cooperación internacional

29/06/2017

O Goberno municipal aprobou no pleno celebrado hoxe a concesión de dúas subvencións nominativas para a realización de dous importantes proxectos de cooperación en zonas especialmente empobrecidas de América Latina. A ONG Solidariedade Galega recibirá 10.650 euros para desenvolver un proxecto de atención sanitaria infantil en Nicaragua e as Mercedarias Misioneras de Berriz percibirán 7.500 euros para continuar cun proxecto educativo dirixido a persoas de baixos recursos a través do Instituto Guatemalteco de Educación radiofónica.

A ONG Solidariedade Galega vai desenvolver un proxecto sanitario entre o 1 e o 13 de outubro no hospital Oscar Danilo Rosales en León, Nicaragua, destinado a prestar atención cirúrxica a pacientes menores de 16 anos que con problemas de pés zambos, espasticidades, secuelas de fracturas mal curadas e outros problemas ortopédicos. Pola súa parte, as Mercedarias de Berriz van recibir a subvención para un proxecto educativo a distancia de primaria, secundaria e bacharelato que levan a cabo desde a cidade de Colomba, en Guatemala.

Ademais, o pleno do Concello de Oleiros tamén acordou conceder dúas subvencións aos clubs de remo do municipio para afrontar os pagos dos premios que están obrigados a entregar aos equipos participantes nas regatas que teñen que organizar para poder participar na Liga Galega de Traiñeiras. A subvención supón o 60% do gasto a realizar: 6.700 para o Club de Regatas Perillo e 3.600 para o Centro Deportivo Mariñeiro de Mera.

O pleno tamén aprobou unha modificación puntual do PXOM na Rúa das Viñas e unha moción para que a Xunta de Galicia poña un pediatra no centro de saúde de Oleiros.

Ver todas as noticias de Oleiros

Axenda Alternativa