Criterio
Mes
Ano

Alternativa dos Veciños aproba solicitarlle á Xunta que constrúa as beirarrúas en Lorbé

28/09/2017

A proposta de Alternativa dos Veciños de demandarlle á Xunta de Galicia a construción das beirarrúas en Lorbé, por tratarse esta dunha estrada da súa titularidade, contou co apoio de todos os grupos da corporación. O Concello de Oleiros, despois de chegar a acordo de cesión gratuíta con todos os veciños menos dous, dispón do solo preciso para a realización desta importante obra.

“Queremos a continuidade das beirarrúas en Lorbé desde a casa do pobo ata Sada. É unha zona urbana, con moito tránsito, e agardamos que sexa unha obra prioritaria da Xunta de Galicia o ano que vén. Non se podería levar adiante se non tivésemos o solo. Todos os veciños cederon excepto dous, aos que se lles vai obrigar a que urbanicen eles tal e como recolle o Plan Xeral”, comentou o alcalde Ángel García Seoane.

O Goberno municipal de Alternativa tamén aprobou definitivamente a Ordenanza municipal reguladora de instalacións para apeiros de labranza no solo clasificado de rústico e a modificación do Plan Xeral para continuar co proceso de descatalogación de varias vivendas de Coruxo e Oleiros que non teñen interese arquitectónico. 

Todos os grupos municipais, agás o PP, aprobaron dúas declaracións, unha en defensa da sanidade pública e outra para esixir a devolución do Pazo de Meirás. Ademais, quedaron establecidos como festivos locais para o 2018 o día 13 de febreiro (martes de entroido) e o 2 de abril (luns de pascua).

Ver todas as noticias de Oleiros

Axenda Alternativa