Criterio
Mes
Ano

O Concello convoca asembleas informativas abertas a todos os veciños para informar dos cortes de tráfico na avenida Ernesto Che Guevara

06/10/2017

O luns día 9 de outubro ás 20 horas nas Torres de Santa Cruz e o mércores día 11 ás 20 horas no auditorio da Fábrica terán lugar dúas asembleas informativas abertas aos veciños e veciñas de todo o municipio nas que o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, informará sobre os cortes de tráfico e os cambios na circulación que se van producir desde finais do mes de outubro con motivo das obras do sifón da ponte da Pasaxe e do novo colector da rede de saneamento.

Xunto co tanque de tormentas que se está a construír en Santa Cruz, esta importante actuación completará definitivamente a rede de saneamento do Concello de Oleiros. A obra consiste, entre outras cousas, na colocación dunha grande tubaxe dun metro de diámetro baixo o carril dereito da avenida Ernesto Che Guevara -dirección A Coruña, desde a rotonda do monumento ao Che ata a ponte da Pasaxe-, que  obrigará a cortar ese carril en tramos de 100 metros.

Para evitar atascos, o Concello de Oleiros recomenda que toda a veciñanza do norte do municipio empreguen a vía Ártabra para dirixirse cara A Coruña pola N-VI. No caso daqueles que viven na parte baixa de Dorneda, en Santa Cruz e Bastiagueiro, a mellor opción que teñen é desviarse no monumento a Che Guevara cara a avenida da II República, coller a rúa da Barreira para baixar a Rosalía de Castro e incorporarse á ponte da Pasaxe tras pasar pola rotonda de Santa Cristina. Para regresar da Coruña, poderán facelo pola rotonda de Santa Cristina, a rúa Corredoira das Viñas, a rúa da Piscina –que cambiará de dirección-,  e a rúa Miradoiro para chegar ao monumento a Che Guevara.

Para axilizar a circulación na N-VI, vai pintarse unha rotonda na intersección de Sol y Mar e eliminaranse todos os semáforos, agás o dos peóns. A rotonda impedirá que os vehículos que circulen dirección Madrid poidan xirar cara a estrada de Montrove. Os condutores que desexen facelo terán que cambiar de sentido á altura da DGT ou desviarse máis adiante, no Seixal, a través da rúa Salvador de Madariaga.

Durante os primeiros días haberá axentes da Policía Local e da Dirección Xeral de Tráfico regulando a circulación. Igualmente, colocaranse sinais informativos ao longo de toda a estrada e os paneis luminosos municipais ofrecerán información de xeito claro.

Ver todas as noticias de Oleiros

Axenda Alternativa