Criterio
Mes
Ano

Oleiros acolle esta fin de semana unhas xornadas de solidariedade cos pescadores de Palestina

24/10/2017

Dentro da campaña internacional de Solidariedade coa Flota Pesqueira de Gaza, o Concello de Oleiros acolle o venres e o sábado unha serie de actos dirixidos a amosar a solidariedade e o apoio aos pescadores palestinos que están a sufrir continuos ataques inxustificados por parte do exército de Israel. A pesca é o recurso máis importante da poboación de Gaza e os seus pescadores están sendo tiroteados, incautadas as súas embarcacións tras recibir un trato inhumano polos militares israelís, ante a pasividade da comunidade internacional.

 

O venres ás 19:30 horas, o centro cultural A Fábrica de Perillo acollerá a inauguración da exposición “Palestina unha mirada á inxustiza”, da fotógrafa Sandra Barrilano. A continuación haberá unha mesa redonda para abordar a situación dos pescadores palestinos. Participarán Elvira Souto de BDS Galiza (organización que desenvolve accións de denuncia e difusión da ilegal ocupación de Palestina), a activista israelí Zohar Chamberlain de Rumbo a Gaza, Manuel Roxo de Pallasos en Rebeldía (entidade internacional e que se manifesta a través da risa e da arte) e o alcalde Ángel García Seoane. Tamén será proxectado un documental rodado en Palestina.

O sábado os actos realizaranse na localidade de Santa Cruz e comezarán ás 16:00 horas cun pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas Santaia. A partir das 17:00 horas, na praza Esther Pita, haberá unha Gala Artística para toda a familia que contará co espectáculo do Novo Circo Galego Isla Letriska, Brais Morán, Xosé Iglesias Lamela, Lois Pérez, Sue Moreno, Chuches Amil e a Big Band da Escola Municipal de Música. Durante toda a xornada haberá degustación de petiscos palestinos para todas as persoas asistentes.

Ademais de todos estes actos, no pleno do xoves o Goberno municipal procederá á lectura dun manifesto para amosar a solidariedade de Oleiros coa frota pesqueira de Gaza, que se atopa baixo un bloqueo israelí. As forzas de ocupación restrinxen a pesca a un máximo de 6 millas cando os acordos de Oslo permiten navegar a 20.

Ver todas as noticias de Oleiros

Axenda Alternativa