Criterio
Mes
Ano

Alternativa dos Veciños oponse frontalmente á creación de 4.000 vivendas en San Diego

23/10/2017

Alternativa dos Veciños denuncia o mercadeo que se está a facer coas zonas portuarias e esixe responsabilidade das partes implicadas na negociación de cara ao beneficio e humanización de toda a cidadanía da Coruña. 

Ángel García Seoane, voceiro do grupo provincial de Alternativa dos Veciños, advirte da necesidade imperiosa de humanizar a cidade da Coruña, redundando en políticas orientadas a crear zonas verdes e de ocio para o goce da veciñanza en oposición aos negocios que se tratan de facer con zonas públicas: «Nestes tempos estamos a observar como, por exemplo, os terreos que lle foron gañados ao mar se están utilizando para intentar facer negocio. O que se lle gañou ao mar no seu momento, ten que ser público. Unha vez que o seu fin desaparece, o terreo debe ser para os cidadáns, e non para que os mercaderes do Estado e os catro empresarios de sempre fagan mercadoría. Porque é unha verdadeira mercadoría o que se trata de facer coa cidade da Coruña»

Así mesmo, Seoane pon en valor a actividade económica dos peiraos como un activo ben fundamental para A Coruña: «É obvio que os peiraos deben seguir con actividades como a pesca ou a chegada de cruceiros. Son fundamentais no desenvolvemento económico da urbe. E tanto os muelles de batería como o Calvo Sotelo non terían que deixar o seu uso», explica o deputado provincial. 

«O grave está noutra zona. En San Diego, por exemplo, queren destinar 377.057 m²  para vivendas, aproximadamente 4.000 de ata seis alturas. Pois esas 4.000 vivendas, por ilustralo, serían un tercio da totalidade das que existen actualmente no termo municipal de Oleiros, que ten 43 km². Polo tanto, esta decisión non implicaría máis que transformar A Gaiteira e Os Castros nun patio traseiro da cidade marítima. Sería un arrabal. A cidadanía e as entidades deben alzar a voz e impedir a operación especulativa máis grande da historia da cidade da Coruña», sentencia García Seoane. 

Desde Alternativa dos Veciños, como Grupo provincial, estaremos atentos ao devir dos acontecementos e realmente agardamos que desde o Concello se impida calquera intento de "prostituir" os intereses da cidadanía da Coruña.

Ver todas as noticias de Oleiros

Axenda Alternativa