Criterio
Mes
Ano

A Fábrica e a praza Esther Pita acollen as xornadas solidarias con Palestina

27/10/2017

Hoxe, ás 19:30 horas na Fábrica, comezan as xornadas solidarias con Palestina coa inauguración da mostra fotográfica “Palestina unha mirada á inxustiza” e cunha mesa redonda na que se abordará a problemática dos pescadores de Gaza. Mañá terá lugar na praza Esther Pita, desde as 17:00 horas, unha gala artística con espectáculos recomendados para toda a familia.

Trala apertura da exposición da fotógrafa Sandra Barrilano, haberá unha mesa redonda para abordar a situación dos pescadores palestinos. Participarán Elvira Souto de BDS Galiza (organización que desenvolve accións de denuncia e difusión da ilegal ocupación de Palestina), a activista israelí Zohar Chamberlain de Rumbo a Gaza, Manuel Roxo de Pallasos en Rebeldía (entidade internacional e que se manifesta a través da risa e da arte) e o alcalde Ángel García Seoane. Tamén será proxectado un documental rodado en Palestina.

Mañá sábado os actos realizaranse na localidade de Santa Cruz e comezarán ás 16:00 horas cun pasarrúas a cargo do Grupo de Gaitas Santaia. A partir das 17:00 horas, na praza Esther Pita, haberá unha Gala Artística para toda a familia que contará coas actuacións de Isla Letriska, Brais Morán, Xosé Iglesias Lamela, Lois Pérez, Sue Moreno, Chuches Amil e a Big Band da Escola Municipal de Música. Durante toda a xornada haberá degustación de petiscos palestinos para todas as persoas asistentes.

 

Con estas xornadas preténdese amosar o apoio e a solidariedade coa frota pesqueira de Gaza, que está a sufrir continuos ataques inxustificados por parte do exército de Israel. A pesca é o recurso máis importante da poboación de Gaza e os seus pescadores están sendo tiroteados, incautadas as súas embarcacións tras recibir un trato inhumano polos militares israelís, ante a pasividade da comunidade internacional. As forzas de ocupación restrinxen a pesca a un máximo de 6 millas cando os acordos de Oslo permiten navegar a 20.

Ver todas as noticias de Oleiros

Axenda Alternativa