Criterio
Mes
Ano

Alternativa dos Veciños aproba o orzamento do Concello de Oleiros para o 2018

30/11/2017

O Goberno municipal de Alternativa dos Veciños aprobou no pleno celebrado hoxe o orzamento municipal do Concello de Oleiros para o ano 2018 que ascende a 28.001.130 euros, o que supón un incremento do 2,91% en relación ao do exercicio anterior. O documento xa foi presentado a semana pasada ás entidades sociais, culturais, deportivas e educativas do municipio que enviaron numerosas propostas que, nalgúns casos, foron incluídas no documento. 

No capítulo de gastos destacan os investimentos correntes, destinados á conservación e mantemento dos servizos e equipamentos públicos e que ascenden a 11.705.332 euros. Os gastos de persoal son de 9.543.327 euros e o investimento en novas obras e servizos é de 5.613.160 euros, un 5,37% máis que no 2017. 

Entre outros obras e servizos, está previsto a realización da terceira fase do carril bici na zona de Arillo, a ampliación do Parque das Galeras, o desenvolvemento de urbanizacións en Oleiros e Mera, reformas e melloras en diversas casas do pobo de locais sociais, pavimentación de numerosos camiños e rúas municipais, renovación da rede de abastecemento de auga en Santa Cruz e na avenida das Mariñas ou a construción de cubertas na pista polideportiva de Dorneda e na grada do campo Leonardo Maceira, entre outras actuacións. 

En canto aos ingresos, os impostos directos seguen a supoñer a principal fonte de financiación do Concello, con 10.259.000 euros. As transferencias increméntanse nun 6,50% e ascenden a 8.958.190 euros e as taxas e prezos públicos está previsto que acaden os 4.416.180 euros. 

Con anterioridade á elaboración deste documento, o Goberno municipal dirixiuse por carta aos colectivos de maior entidade do municipio para solicitar as súas propostas de cara a confeccionar o documento. Algunhas das suxestións recibidas incluíronse no orzamento que foi aprobado no pleno de hoxe. 

Ademais da aprobación do orzamento, realizouse unha declaración institucional contra a violencia de xénero e en defensa da igualdade que contou co apoio de todos os grupos da corporación. Igualmente foron aprobadas dúas mocións, unha de apoio a Cuac FM e ao dereito a comunicar e outra contra a construción dunha planta de pre-tratamento de aceites industriais e hidrocarburos no peirao de Oza da Coruña. 

O Goberno municipal tamén informou de que o campo de fútbol municipal de Iñás levará o nome de Fernando García Núñez. Nano, como moitas persoas o coñecían, era un veciño de Iñás que sempre estivo estreitamente vinculado ao Concello de Oleiros e ao deporte. Ademais da súa participación en Radio Oleiros e noutros medios de comunicación, colaborou na organización de numerosos eventos deportivos no municipio.

Ver todas as noticias de Oleiros

Axenda Alternativa