Criterio
Mes
Ano

O Concello de Oleiros convoca unha concentración ante a Delegación do Goberno o 13 de xaneiro para demandar a contratación das obras nos accesos á cidade

03/01/2018

Un novo accidente, e xa son 10 en 5 días no mesmo punto da ponte da Pasaxe, provocou outro día máis grandes colapsos na circulación e importantes problemas a traballadores, estudantes e cidadáns en xeral que perderon o seu tempo, a súa saúde e os seus cartos  en interminables atascos. Ante esta insostible situación que afecta a milleiros de cidadáns de toda a comarca, o Goberno municipal de Alternativa dos Veciños decidiu convocar a todos os cidadáns concienciados, á marxe de credos e relixións, a participar nunha concentración diante da Delegación do Goberno –praza de Ourense- o sábado 13 de xaneiro, ás 12:30 horas, para demandar a urxente contratación das obras no cruce de Sol y Mar e a ampliación da ponte da Pasaxe e de Alfonso Molina.

O Goberno municipal de Alternativa dos Veciños quere facer un chamamento a todos os cidadáns afectados a que se manifesten diante da Delegación do Goberno e esixan que se contraten estas obras, coas que se poñería fin a estas situacións terceiromundistas que se viven na comarca da Coruña. Os Gobernos do Partido Popular, e os anteriores do Partido Socialista, negáronse a mellorar os accesos á cidade e a estrada con máis tráfico de Galicia, a N-VI. En cambio si que realizaron outras actuacións moito máis custosas noutras zonas de Galicia, como é o caso da circunvalación de Santiago de Compostela ou da ponte de Rande, en Vigo, nas que o tráfico de vehículos é moi inferior.

Ver todas as noticias de Oleiros

Axenda Alternativa