Criterio
Mes
Ano

O alcalde de Oleiros diríxese aos seu homólogos da comarca para que se sumen á concentración do sábado

08/01/2018

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, dirixiuse por carta aos seus homólogos da comarca da Coruña para informalos e convidalos a participar na concentración convocada para este sábado ás 12:30 horas ante a Delegación do Goberno na que se lle demandará ao Goberno central a urxente contratación das obras de mellora dos accesos á cidade. No texto remitido aos alcaldes da Coruña e demais municipios da Área Metropolitana, Ángel García Seoane solicita tamén o seu apoio para o escrito que se lle enviará ao Goberno central demandando a realización das ampliacións de Alfonso Molina e da Ponte da Pasaxe, así como a construción do túnel de Sol y Mar.

Na carta, o alcalde explica que a situación que se está a vivir en relación aos accesos á Coruña é caótica e que as estradas de entrada á cidade están totalmente abandonadas polo Ministerio de Fomento. Unha situación que provoca graves prexuízos económicos e que condiciona as posibilidades de progreso económico da comarca.

“A N-VI e Alfonso Molina son as estradas con máis tráfico de Galicia e están totalmente esquecidas. En 1998 aprobouse un plan de estradas para a comarca da Coruña e Betanzos, que afectaba especialmente aos accesos á cidade, e que aínda está pendente de levarse a cabo. As estradas de entrada e saída na Coruña non teñen capacidade suficiente para absorber todo o tráfico que teñen na actualidade”, comentou García Seoane.
 

Ver todas as noticias de Oleiros

Axenda Alternativa