Criterio
Mes
Ano

Alternativa consegue o apoio do Pleno da Deputación en contra da instalación da Planta de residuos de Oza

23/02/2018

• Ángel García Seoane:«Seguiremos a facer todo o posible para que este tipo de plantas permanezan lonxe da cidade. Non queremos desastres ecolóxicos na ría da Pasaxe».

 

TEXTO COMPLETO DA MOCIÓN APROBADA

O Grupo provincial de Alternativa dos Veciños vén de conseguir o apoio do Pleno da Deputación da Coruña na moción contra a instalación dunha Planta de residuos oleosos no peirao de Oza cos apoios de PSOE, BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e a abstención do Partido Popular.

O voceiro de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, amosouse satisfeito polos acordos acadados co resto de forzas políticas (agás o PP, que decidiu absterse) na súa iniciativa. A moción foi duramente criticada no transcurso da sesión plenaria polo Partido Popular a través da súa Deputada, Mariel Padín, que acusou ao grupo de Alternativa dos Veciños de pedirlle á Xunta que «prevarique» e asegurou que o seu partido «quiere que se tramite el expediente, pues cuenta con los informes necesarios».

Ante a postura do PP, García Seoane arremeteu contra a pasividade da Xunta de Galicia: «As 57 plantas que arderon en 2017 en España contaban con informes favorables e as empresas co visto bo dos Gobernos de turno, pero a realidade foi ben distinta. Onde estaban eses informes e os inspectores cando as citadas plantas de residuos arderon ou explotaron? Iso si que é prevaricación. O porto de Oza non é un polígono industrial, e nós faremos todo o posible para que esta planta non se instale no peirao. Levamos décadas loitando pola protección ambiental da ría da Pasaxe», asegura o voceiro de Alternativa dos Veciños na Deputación da Coruña, Ángel García Seoane

Coa aprobación deste acordo, a Deputación da Coruña amosa públicamente o seu rexeitamento á construción desta planta e posiciónase a favor das reivindicacións das organizacións veciñais. Tamén fará un seguimento continuo dos procesos administrativos relacionados con este expediente e solicita da Xunta de Galicia a desestimación e rexeitamento da construción desta Planta de residuos.

 

Ver todas as noticias de Oleiros

Axenda Alternativa