Criterio
Mes
Ano

Ángel García Seoane denuncia nun debate o abandono dos accesos viarios á cidade e á comarca

28/02/2018

O presidente de Alternativa dos Veciños e alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, participou esta tarde no Sporting Club Casino da Coruña no debate É A Coruña unha cidade con boa accesibilidade?. García Seoane defendeu a necesidade de que o Goberno central acometa as obras de mellora das infraestruturas viarias e criticou que a comarca máis importante de Galicia sexa a máis abandonada polo Estado. 

No encontro, no que tamén participaron Andrés Precedo Ledo -Catedrático de Xeografía Urbana e Ordenación do Territorio-, Alberto Unsain González de Suso -Arquitecto e Ex-Presidente do Colexio de Arquitectos- e Gael Sánchez-Rivas -Enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos-, Ángel García Seoane destacou a importancia da mobilización social para acadar as melloras das infraestruturas viarias que precisa a comarca. “Vemos como en Vigo a xente si sae á rúa e como conseguen as cousas. Na Coruña a cidadanía ten que espertar, senón seguirannos tomando o pelo desde Madrid”, dixo o alcalde. 

García Seoane denunciou os retrasos e enganos na realización das obras da ponte da Pasaxe, Alfonso Molina e Sol y Mar e tamén destacou a importancia da conexión da vía Ártabra coa AP-9 para mellorar a mobilidade na comarca. “Agardamos que a Xunta de Galicia realice en 2018, con cargo a fondos europeos e autonómicos, a última fase da vía Ártabra, unha actuación imprescindible para que esta vía acade todas as súas posibilidades de comunicación e permita que os vehículos se incorporen directamente á AP-9, reducindo considerablemente o tráfico da N-VI e da ponte da Pasaxe”, comentou o alcalde.

Ver todas as noticias de Oleiros

Axenda Alternativa