Criterio
Mes
Ano

Os alcaldes da cidade e da comarca únense na defensa de melloras nas infraestruturas e da constitución da área metropolitana

02/03/2018

Os concellos da área metropolitana da Coruña reuníronse hoxe no Pazo de Mariñán co obxecto de acordar unha fronte común na defensa de melloras para as infraestruturas da contorna da cidade. Ao foro acudiron os alcaldes e a alcaldesa da área: pola Coruña, Xulio Ferreiro; Abegondo, José Antonio Santiso; Arteixo, Carlos Calvelo; Bergondo, Alejandra Pérez; Betanzos, Ramón García, Cambre, Óscar García Patiño; Carral, José Luis Fernández Mouriño; Culleredo, José Ramón Rioboo; e Oleiros, Ángel García Seoane. Non puido acudir Sada por motivos de axenda, pero trasladaráselle o acordo para que se poida sumar.

No encontro, os representantes municipais expuxeron cada unha das necesidades que existen a día de hoxe nos seus concellos, sinalando os proxectos viarios que máis inmediatez requiren.

Os alcaldes manifestaron a súa unión sen fisuras polo ben da cidade e da comarca, por encima de calquera tipo de partidismos. As reivindicacións de accións para dar resposta ás demandas dos veciños son a prioridade dun traballo que van seguir realizando unidos.

Os alcaldes confirmaron o seu compromiso común por acadar melloras na rede de infraestruturas viarias e na mobilidade sostible que utilizan a diario os cidadáns da comarca. Consideran que existe unha clara necesidade de acometer actuacións urxentes que redunden nun incremento da súa mobilidade, factor decisivo para a mellora da calidade de vida cotiá, e de desconxestionar as principais entradas á cidade. A Coruña e a súa área, con máis de 400.000 residentes e traballadores, constitúe o principal eixo económico de Galicia e como tal require infraestruturas modernas e axustadas á realidade de uso pola cidadanía.

Ademais, os alcaldes declararon tamén o seu compromiso para a conformación da área metropolitana, como figura para propiciar unha coordinación e unión de servizos que supoñan melloras reais para a vida dos veciños e veciñas. Os concellos queren traballar da man e aproveitar as vantaxes de conformar unha bisbarra forte para impulsar un avance común.

Son catro as medidas que acordaron hoxe os primeiros edís neste encontro:

1. Solicitarase unha reunión de todos os alcaldes co ministro de Fomento. O seu obxecto será tratar cada un dos proxectos viarios solicitados, tanto en marcha como en tramitación, para analizar os prazos e estimacións de desenvolvemento previstos, e tratar o futuro do tren de proximidade, na liña a Ferrol.
Pedirase o encontro na Coruña, pero no caso de non ser posible, os alcaldes desprazaranse en conxunto ata Madrid.

2. Solicitarase unha reunión de todos os alcaldes co presidente da Xunta de Galicia. O obxecto será tratar medidas para a mellora da mobilidade, tanto a nivel de estradas como de transporte público metropolitano, e a constitución da Área Metropolitana da Coruña.

3. Solicitarase unha reunión de todos os alcaldes do presidente da Deputación da Coruña. O obxecto será achegar propostas de mellora na rede viaria provincial, fundamental para a mobilidade de miles de cidadáns e como alternativas das vías de alta capacidade.

4. Demandarase aos órganos competentes a eliminación das peaxes na contorna da Coruña e que os proxectos de novas infraestruturas se programen sempre libre de peaxes.

Os alcaldes continuarán mantendo desde agora un contacto continuado para tratar o avance e a execución destas medidas.

Ver todas as noticias de Oleiros

Axenda Alternativa