Criterio
Mes
Ano

Alternativa dos Veciños impulsa a creación dun servizo de transporte comarcal para as praias de Oleiros

20/04/2018

O Goberno municipal de Alternativa dos Veciños proporá á Xunta de Galicia e ao Concello da Coruña, como administracións con competencias para o transporte público, así como aos concellos de Culleredo e Cambre a creación dun servizo de transporte público ás praias de Santa Cristina e Bastiagueiro durante a época estival, do 1 de xuño ao 15 de setembro. Deste xeito, ademais de ofrecer un importante servizo aos milleiros de cidadáns e cidadás da área metropolitana que acoden ás praias de Oleiros, melloraríase notablemente a mobilidade ao reducirse o número de vehículos privados e tamén se beneficiaría á economía das persoas usuarias das praias. 

A proposta do Concello de Oleiros, que se intentará consensuar coa Xunta de Galicia, os concellos afectados e as compañías de transporte, consistiría por un lado en que os buses urbanos da Coruña, en vez de xirar na rotonda da ponte da Pasaxe, viñeran dar volta á glorieta de Santa Cristina. 

No caso de Culleredo e Cambre estudaríase a creación dun servizo de transporte permanente ata as praias que pasaría polas zonas densamente poboadas da Barcala, O Temple, O Burgo, Acea da Ama, Vilaboa, A Corveira e Fonteculler, con horarios de mañá e tarde. O percorrido destes autobuses finalizaría na rotonda do INEF e contaría con parada en Santa Cristina. 

Para impulsar a creación deste servizo público, o Concello de Oleiros intentará que no prazo máis breve de tempo posible se produza unha reunión entre a Xunta, os concellos e as empresas de transporte.

Ver todas as noticias de Oleiros

Axenda Alternativa