Criterio
Mes
Ano

Alternativa dos Veciños logra que a Xunta autorice a creación dun servizo de transporte ás praias

07/05/2018

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, e a primeira tenente de alcalde, María José Varela Neira, mantiveron esta mañá un encontro co director xeral de mobilidade da Xunta de Galicia, Ignacio Maestro Saavedra, para trasladarlle a proposta do Concello de Oleiros en relación á creación dun servizo de transporte público ás praias. Nesa reunión, a Xunta de Galicia avanzou que autorizará a posta en marcha deste servizo.

Coa aprobación da Xunta, agora todo dependerá do acordo coas compañías e cos concellos. Aínda que os alcaldes da Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros xa mantiveron un primeiro encontro o venres en María Pita no que amosaron a súa predisposición á creación deste servizo de transporte, esta semana deberán de materializarse esas boas intencións. O venres está prevista a celebración dunha reunión coa Compañía de Tranvías da Coruña e tamén está solicitada, por parte do alcalde de Oleiros, unha xuntanza coas alcaldes de Culleredo, Cambre e a compañía Asicasa, que é a empresa concesionaria do servizo de transporte público en Cambre e Culleredo.

A proposta do Concello de Oleiros consiste por un lado en que os buses urbanos da Coruña, en vez de xirar na rotonda da ponte da Pasaxe, den volta na glorieta de Santa Cristina. No caso de Culleredo e Cambre a idea inicial é un servizo de transporte permanente ata as praias que pasaría polas zonas densamente poboadas da Barcala, O Temple, O Burgo, Acea da Ama, Vilaboa, A Corveira e Fonteculler, que funcionaría polas tardes de luns a venres e durante todo o día as fins de semana. O percorrido destes autobuses finalizaría na rotonda do INEF.

“Nós o que pretendemos é quitar coches das estradas. É unha boa maneira de facilitar a mobilidade e reducir os atascos e os problemas de aparcamento”, comentou o alcalde Ángel García Seoane.

Ver todas as noticias de Oleiros

Axenda Alternativa