Criterio
Mes
Ano

Asicasa-Cal Pita manifesta a súa vontade de crear liñas de transporte á praia de Bastiagueiro desde Cambre e Culleredo

09/05/2018

O Concello de Oleiros reuniuse cos representantes da empresa Asicasa-Cal Pita, que presta o servizo de transporte público na área metropolitana da Coruña, para expoñerlles a proposta de creación de dúas liñas de autobuses nos municipios de Cambre e Culleredo para prestar servizo de transporte público ás praias de Santa Cristina e Bastiagueiro durante a tempada de verán. A empresa manifestou a súa vontade de poñer en marcha este servizo, a partir do 1 de xullo, sen ningún custo para os concellos. 

Na reunión entre o alcalde e Asicasa-Cal Pita acordouse que a empresa realice o servizo sen custo para os concellos. Os ingresos procederán da recadación dos billetes das persoas usuarias, que terán que pagar a mesma tarifa que por calquera outra viaxe metropolitana. As liñas estarán a proba durante un prazo de 20 días, desde o 1 de xullo, e no caso de que o número de persoas sexa o suficiente para que a liña non sexa deficitaria, a empresa prolongará o servizo ata o final do verán. 

Aínda que a creación destas dúas liñas, segundo as empresas, suporía un gasto adicional, o alcalde de Oleiros insistiu en que cunhas frecuencias amplas podían cubrir os custos. Así é que os autobuses circularían de maneira constante. De luns a venres o horario sería de 15:00 a 21:00 horas e as fins de semanas e os días festivos de 11:00 a 21:00 horas. 

A liña de Cambre partiría da capital do concello e pasaría pola Barcala, o Paraugas, a costa da Tapia e o Temple; entrando a Oleiros pola N-VI e collendo a avenida da II República para dirixirse cara á praia de Bastiagueiro. O autobús de Culleredo arrancaría do Portazgo e pasaría pola Corveira, Vilaboa, Acea da Ama, O Burgo e Fonteculler, entrando en Oleiros pola ponte Pasaxe. 

Para a posta en marcha deste servizo, ademais da participación da empresa, é precisa a autorización da Xunta de Galicia, que o pasado luns xa deu o seu visto e prace na reunión que mantivo o alcalde de Oleiros co director xeral de Transporte. O alcalde de Oleiros xa expuxo tamén a súa proposta aos alcaldes da Coruña, Cambre, Culleredo o pasado venres. Agora volverá reunirse cos rexedores de Cambre e Culleredo para explicarlles o acordo inicial coa empresa e coa Xunta de Galicia. Nesa reunión, Asicasa-Cal Pita presentará a proposta de Oleiros e outra máis para a súa análise.

Igualmente, o venres na Coruña, o alcalde de Oleiros manterá un encontro con representantes do Concello da Coruña e da Compañía de Tranvías para tratar o convenio entre Oleiros, A Coruña e a Xunta de Galicia e que os buses urbanos da Coruña que veñen ata a rotonda da ponte Pasaxe dean volta na glorieta de Santa Cristina.

Ver todas as noticias de Oleiros

Axenda Alternativa