Criterio
Mes
Ano

Alternativa dos Veciños consegue que os buses urbanos da Coruña poidan chegar ata Santa Cristina

11/05/2018

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, participou esta mañá nunha reunión en María Pita co concelleiro de mobilidade da Coruña, Daniel Díaz Grandío, e co presidente da Compañía de Tranvías, José Prada, para tratar a entrada dos autobuses urbanos da Coruña ata a rotonda de Santa Cristina. Tal e como acordaron, está previsto que a liña de autobús urbano da Coruña 1A realice unha parada en Santa Cristina durante a tempada de verán, desde o 15 de xuño ata o 31 de agosto. 

De maneira inmediata, a empresa realizará un plano co percorrido do autobús ata a rotonda de Santa Cristina, para determinar as frecuencias e as paradas. Así mesmo, os representantes dos concellos de Oleiros e A Coruña demandarán unha reunión coa Dirección Xeral de Mobilidade para asinar o convenio a tres bandas entre Xunta de Galicia, Concello de Oleiros e Concello da Coruña para poder poñer en marcha este servizo de transporte público. 

O Concello de Oleiros tamén agarda manter un novo encontro coa empresa Asicasa-Cal Pita nos vindeiros días para formalizar a proposta de creación de dúas liñas de autobuses nos concellos de Cambre e Culleredo que terían como destino a praia de Bastiagueiro. 

Tanto no caso da Coruña, como no de Cambre e Culleredo, a Xunta de Galicia xa avanzou que non vai poñer ningún tipo de trabas e que autorizará a creación destas novas liñas de transporte público que darán servizo a centos de persoas que son usuarios das praias de Oleiros, reducindo así os atascos e os problemas de estacionamento. 

Ver todas as noticias de Oleiros

Axenda Alternativa