Criterio
Mes
Ano

Alternativa dos Veciños apoia a moción da Deputación en defensa do Diario Cultural da Radio Galega

25/05/2018

A Deputación da Coruña ven de aprobar no Pleno ordinario do mes de maio unha moción na cal solicita á dirección da CRTVG tanto o mantemento das desconexións locais como do programa de difusión cultural Diario Cultural. Este espazo dirixido por Ana Romaní leva 28 anos promocionando e difundindo a cultura galega a través do medio de comunicación público de todas as galegas e galegos.

A moción é aprobada cos votos favorables de todos os partidos agás o PP, que votou en contra, argumentando que a información cultural seguirá en antena a través de espazos residuais nos boletíns informativos. Para o resto de grupos –incluído Alternativa dos Veciños- é inaceptable que un medio de comunicación público como é a CRTVG, común para todas as persoas de Galicia, prescinda na súa programación dun espazo como o Diario Cultural, que leva 28 anos difundindo a cultura galega máis aló das cores políticas, cun afán de normalización e promoción das nosas letras.

Alternativa dos Veciños defende os medios de comunicación públicos como instrumentos de empoderamento cidadán ao seres a recepción de información veraz un dereito fundamental recollido na Constitución de 1978. A Lei 9/2011 de medios audiovisuais públicos de Galicia recolle tamén no seu artigo 5 que un servizo público de comunicación audiovisual é un servizo esencial de interese xeral destinado a satisfacer as necesidades de información, cultura e educación da sociedade e preservar e promover o pluralismo e o emprego da lingua galega. É por iso que a desaparición do Diario Cultural da Radio Galega tal e como leva existindo desde hai 28 anos é un atentado contra o dereito á información por parte da cidadanía de Galicia.

Por todo iso, desde Alternativa dos veciños apoiamos a moción aprobada pola Deputación da Coruña e instamos ás persoas a asinar o manifesto en apoio ao mantemento do Diario Cultural a través da web https://nosnonimosficarcaladas.wordpress.com/.

Ver todas as noticias de Oleiros

Axenda Alternativa