Criterio
Mes
Ano

O Concello de Oleiros entrega a documentación para a entrada do bus urbano da Coruña en Santa Cristina

28/05/2018

O Concello de Oleiros remitiu á Xunta de Galicia esta mañá a información técnica precisa para que a liña 1-A do bus urbano da Coruña poida facer unha parada en Santa Cristina durante os meses de verán. Na documentación plásmase con detalle como será o servizo, que funcionará entre o día 15 de xuño e o 1 de setembro.

A liña urbana 1-A inicia o seu percorrido na Cidade Vella, atravesando os puntos céntricos da cidade, de xeito que se posibilita a intermodalidade dos distintos servizos de tren e autobús, co beneficio engadido da existencia de paradas moi pretas do resto de liñas urbanas con transbordo gratuíto entre elas, o que facilitará polo tanto o acceso case directo ás praias desde calquera punto da cidade. A Compañía de Tranvías reforzará a liña cun vehículo adicional, mellorando o servizo actual, e plasmando a posibilidade de chegar a Santa Cristina desde as 7:00 ás 22:55 horas. A proposta contén tamén a creación dun espazo de espera diante do denominado edificio Hábitat de Santa Cristina, que será habilitado por parte do Concello de Oleiros.

O Concello de Oleiros entende que a ampliación desta liña do autobús urbano da Coruña ofrecerá un importante servizo de transporte público e satisfai unha necesidade real de moitos cidadáns e cidadás que é achegarse ás praias de Oleiros sen ter que usar o seu coche. Desta maneira, evitaranse os numerosos atascos de tráfico que se producen polo uso masivo de vehículos privados e mellorarase o aparcamento.

Así mesmo, o Concello de Oleiros tamén ten solicitada unha reunión cos alcaldes de Cambre e Culleredo para ultimar os detalles das liñas que partirán desde eses dous municipios ata a praia de Bastiagueiro. Para a posta en marcha deste servizo, ademais da participación da empresa Asicasa-Cal Pita, que inicialmente xa deu o seu visto bo, tamén é precisa a autorización da Xunta de Galicia, que nunha reunión entre o alcalde de Oleiros e o director xeral de Transporte tamén manifestou a súa vontade de poñer en marcha estas novas liñas.

Ver todas as noticias de Oleiros

Axenda Alternativa