Criterio
Mes
Ano

Alternativa dos Veciños aproba no pleno unha moción contra a mina de Touro- O Pino

31/05/2018

O pleno do Concello de Oleiros aprobou na sesión celebrada esta tarde unha moción presentada polo Goberno municipal de Alternativa dos Veciños contra o proxecto de reapertura da explotación mineira de cobre San Rafael SL, situada nos municipios de Touro e O Pino. O Concello de Oleiros insta a Xunta de Galicia á emisión dos correspondentes informes negativos para impedir as graves consecuencias ambientais, sanitarias, económicas e sociais que se derivarían desta explotación.

O proxecto de reapertura da mina por parte dunha empresa con sede en Chipre, participada por capital chinés e fondos de investimento estranxeiros, ocasionaría vertidos de augas ácidas tóxicas e filtracións que afectarán a mananciais, hortas e animais; crearíanse nubes de po en suspensión cargadas de metais pesados que acabarían depositados nos cultivos e que respiraría persoas e animais; os habitantes da zona soportarían explosións diarias e vivirían co risco dunha avalancha de lodos tóxicos en caso de rotura das balsas; a contaminación afectaría aos peixes do río, aos lombos do Ulla e ao resto dos bancos marisqueiros, recursos pesqueiros e cultivos da ría de Arousa; as augas contaminadas do río abastecerían as traídas de 13 municipios que contan con máis de 150.000 habitantes.

No pleno de hoxe tamén quedou aprobada outra moción presentada polo Goberno municipal para que a CRTVG manteña as desconexións locais nos servizos informativos da Radio Galega e o Diario Cultural como espazo cultural informativo.

Así mesmo, tal e como se anunciou a pasada semana, o Goberno municipal aprobou un conxunto de diversas obras valoradas en 1.230.300,61 euros e que se financiarán con cargo ao superávit económico do exercicio 2017. As actuacións que quedaron aprobadas e que estarán en execución despois do verán son as seguintes:

Acondicionamento das rúas Río Xallas, Río Ulla e Río Eo: 163.297,41 euros
Peche dos fosos do Parque do Graxal: 3.205,22 euros
Construción de peche na masa de madeira Bastiagueiro: 27.380,01 euros
Renovación da cuberta do Parque José Couso: 38.948,27 euros
Acondicionamento das casas do Pobo de Lorbé e Dexo: 143.170,62 euros
Almacén na pista polideportiva da Segunda República (Perillo): 34.676,45 euros
Pintado das luminarias do paseo marítimo de Santa Cristina: 5.389,75 euros
Parque Costeiro Metropolitano de Bastiagueiro (segunda fase): 388.030,12 euros
Monumento aos avós: 33.000 euros
Mellora da pavimentación na pista deportiva do Seixal: 33.172,32 euros
Pavimentación das rúas Mapoulas e Abella: 53.430,38 euros
Parque infantil na urbanización As Torres: 78.564,62 euros
Adecuación das rotondas de acceso ás urbanizacións O Graxal e As Torres e rotonda de Abeleiras: 48.398,05 euros
Tratamento da madeira do paseo marítimo Manuel Rial de Mera, parque das Galeras, pasarela do Castelo de Santa Cruz e urbanización O Graxal: 110.299,69 euros
Pavimentación do aparcadoiro da Mazota: 37.671,45 euros
Coordinación de Seguridade e Saúde: 31.666,25 euros

Ver todas as noticias de Oleiros

Axenda Alternativa