Criterio
Mes
Ano

Alternativa dos Veciños solicita da Deputación iniciativa na política de acollida ás persoas refuxiadas

29/06/2018

Ángel García Seoane, voceiro de Alternativa dos Veciños, presenta un rogo na Deputación solicitando ao Goberno provincial iniciar negociacións co resto de Administracións para establecer políticas de acollida eficaces nos Concellos da Provincia da Coruña.

• Ángel García Seoane, voceiro de Alternativa dos Veciños: «Rogo que nunha Comisión futura se trate este tema e vexamos como tomar medidas entre todos, concellos e Deputación. Con pouco, ao mellor, podemos cambiar a realidade de moitas familias que están sufrindo».

O voceiro de Alternativa dos Veciños lembra que o Pleno provincial deixou sobre a mesa o 29 de abril de 2016 a súa proposta de importar o modelo de Riace (Italia) nos Concellos do rural da provincia co compromiso de abrir os foros de debate necesarios para abordar a problemática das políticas de acollida a persoas refuxiadas.


Dous anos despois de presentar a proposta de adaptación dun modelo semellante ao de Riace (Italia), Alternativa dos Veciños manifesta que o Ente provincial non avanzou neste sentido e, dada a gravidade da crise de refuxiados e as políticas xenófobas que desde certos países de Europa se están a promover, «é momento de facer política responsable con este problema mundial e deixarse de demagoxias», afirma García Seoane.


O rogo vai orientado á negociación por iniciativa da Deputación provincial co resto de Administracións para brindar aos Concellos da Provincia as ferramentas necesarias para poder acoller a persoas refuxiadas, co compromiso de tomar decisións reais e de forma urxente nunha Comisión Informativa futura.

Ver todas as noticias de Oleiros

Axenda Alternativa