Criterio
Mes
Ano

Alternativa dos Veciños volve demandar a mellora dos servizos sanitarios en Oleiros

10/08/2018

O Concello de Oleiros solicitou novamente ao Sergas un incremento dos servizos médicos, acorde ao número de habitantes do municipio. Malia o importante aumento poboacional dos últimos anos, o concello non conta cos servizos nin cos profesionais precisos para ofrecer unha atención axeitada. 

Especialmente preocupante é a falta de pediatras, que non son suficientes para atender os nenos e nenas. Ademais, a non cobertura das súas baixas agrava aínda máis este problema. 

Desde o Concello de Oleiros tamén se ten demandado en anteriores ocasións, a última hai case un ano, a creación dun servizo de psiquiatría en Oleiros. Si existe noutros municipios da comarca, con menos poboación, polo que é incompresible que se lle negue este servizo aos veciños e veciñas de Oleiros no seu municipio, cando ademais o Sergas o ten contemplado desde hai anos na súa planificación. 

No documento remitido esta mañá ao Sergas, o Concello de Oleiros tamén solicitou información sobre a situación do PAC de Santa Cruz para coñecer o número de médicos en cada garda e confirmar que se cubren as baixas e as vacacións do persoal.

“Na zona norte do municipio existe un local ínfimo para poder prestar un servizo decente aos veciños e veciñas de Mera, Dexo e Lorbé. Temos outros tres centros sanitarios, nos que tamén faltan profesionais. Ademais necesitamos un servizo de psiquiatría, que si teñen noutros concellos con menos habitantes, e a que a nós se nos nega por parte do Sergas.”, comentou o alcalde.

Ver todas as noticias de Oleiros

Axenda Alternativa