Criterio
Mes
Ano

Alternativa dos Veciños aproba no pleno un manifesto en defensa da independencia informativa na CRTVG

27/09/2018

O Goberno municipal de Alternativa dos Veciños aprobou no pleno celebrado hoxe un manifesto en defensa da independencia informativa na CRTVG, en contra do desmantelamento dos medios públicos e a favor do desenvolvemento do traballo informativo en base a criterios profesionais. No texto aprobado tamén se expresa o apoio do Concello aos profesionais Beatriz Moyano e Alfonso Hermida, este último veciño de Oleiros, que dimitiron hai uns meses por razóns de dignidade profesional e en discrepancia coa liña informativa imposta polo Goberno autonómico. 

Alternativa dos Veciños tamén aprobou unha declaración institucional para que o Ministerio de Fomento autorice as obras de conexión da vía Ártabra coa AP-9. A Xunta de Galicia está en disposición de contratar esta obra no 2018 xa que dispón dos cartos necesarios, pero a decisión do Ministerio de facer un estudo para analizar o proxecto retrasa “sine die” a realización dunha conexión viaria fundamental para a competitividade e a mobilidade da comarca da Coruña.

Na sesión celebrada hoxe tamén foron aprobadas diversas cuestións urbanísticas como a última fase da urbanización Icaria ou os estudos de detalle de dúas actuacións en Iñás que permitirán o desenvolvemento de establecementos comerciais e industriais. Así mesmo o pleno tamén aprobou os festivos locais para o ano 2019 que serán o martes de Entroido (5 de marzo) e o día de San Xoán (24 de xuño).

Ver todas as noticias de Oleiros

Axenda Alternativa