Obxectivos


 

  “Alternativa dos Veciños” é unha asociación política legalmente rexistrada conforme a lei 54/1978, coa finalidade de contribuír democraticamente á determinación da política nacional, á formación da vontade política dos cidadáns e que aspira a representar á maior parte da poboación de Oleiros na institución municipal. 

  Somos un movemento veciñal asembleario formado por unha longa cadea de xentes que loitan honestamente por unha sociedade e un mundo máis humano, máis fraternal e solidario, máis xusto e socialmente equilibrado, pola paz e o dereito de todos a unha vida social e culturalmente digna. Por iso a incorporación e participación dos veciños na vida municipal está garantida, e as iniciativas que se levan a cabo polo Goberno Municipal son froito das demandas dos propios veciños e veciñas, que son os verdadeiros protagonistas do desenvolvemento do concello de Oleiros. En definitiva, que o movemento asembleario é o eixo vertebrador da política municipal onde finalmente quen deciden son os veciños e veciñas de todas as parroquias de Oleiros.

  Manifestámonos como un movemento progresista e pluralista, que non está supeditado a ningún ideario do espectro político partidario actual, que respecta a identidade ideolóxica e cultural de cada quen, pero eso si, profundamente progresistas e defensores do ser humano. Por iso, Alternativa dos Veciños non se limita a loitar pola calidade de vida e o benestar social dos cidadáns de Oleiros, senón que ademais defende irrenunciablemente o dereito de todos os pobos do mundo a esa calidade de vida, loitando contra dos desequilibrios sociais e territoriais e defendendo o dereito a vivir con dignidade, a que sexan donos de seu, soberanos do seu territorio e a decidir o seu propio futuro. 

  Consideramos que a democracia, onde todas as persoas e grupos teñen o dereito a expresar as súas opinións e a participar nas decisións, é o eixo básico de participación cidadá na toma de decisións colectivas, aínda que afirmamos que non hai un só xeito de practicala como adoitan facernos crer desde os centros de poder actuais. Por iso defendemos que cada comunidade humana, en función do seu modelo político ou grao de desenvolvemento, debe adoptar as fórmulas máis axeitadas para promover outros sistemas de participación popular, limpos e accesibles á gran maioría da poboación, promovendo un acceso axeitado aos estándares de desenvolvemento económico, político e social como o único camiño para acadar un sistema de liberdades efectivas. 

  Apostamos por unha política de paz, pola desmilitarización, polo respecto ao dereito internacional e defendemos o diálogo e a cooperación como o único instrumento válido nas relacións internacionais entre os pobos, rexeitando abertamente o uso das armas e a carreira armamentística. Por isto, declaramos o noso compromiso coa non-violencia entre os Estados, dentro das sociedades e entre os individuos, como principios básicos da seguridade mundial para a prevención e a resolución dos conflictos. 

  Recoñecemos que as formas actuais de producción e consumo, baseadas no crecemento económico a calquera prezo, na usura e no despilfarro dos recursos naturais, están causando un gran dano no medio ambiente e a extinción de especies e ecosistemas. Polo que, manifestamos a necesidade de conservar e coidar a biodiversidade, defendendo un desenvolvemento económico sustentábel mediante o uso e a explotación racional dos recursos naturais, que garanta a integridade e a preservación dos mesmos, que permita aumenta-la calidade de vida e para asegurar ademais que as xeracións vindeiras poidan gozar dun medio ambiente natural saudable e os mesmos dereitos naturais e culturais.

 

 

  Lembramos e recoñecemos que moitos pobos e nacións do mundo foron empobrecidos pola colonización e a explotación. Por tanto, simpatizamos e apoiamos aqueles pobos que foron capaces de levar a cabo procesos de independencia co fin de garantirlle ás súas poboacións dereitos humanos básicos como: alimentación nutritiva, dereitos laborais, vivenda digna, saúde, educación, auga potable e un medio ambiente natural non contaminado.

  Declaramos que todos os individuos deben de dispoñer dos mesmos dereitos independentemente das súas condicións de xénero, raza, etnia, idade, clase, relixión, orixe, orientación sexual, saúde ou discapacidade. Polo tanto fomentaremos as relacións responsables e respectuosas que superen as divisións dentro das sociedades multiculturáis e multiétnicas, a implantación da democracia, o recoñecemento dos dereitos dos pobos indíxenas e as minorías étnicas. Sen embargo, condenamos os réximes onde se violen os dereitos humanos, impere a corrupción e se impida a libertade de opinión ou de expresión do pensamento.

  Asumimos o compromiso de promover a igualdade entre os homes e mulleres, de non tolerar a corrupción, e de informar aos cidadáns de forma eficiente, veraz, responsable e con total transparencia.

  Defendemos o dereito da cidadanía a acceder á información oficial e a dispoñer duns medios de comunicación libres e independentes. Tamén defendemos o dereito ó acceso universal ás novas tecnoloxías da información propugnando ademais o seu abaratamento.

  Apoiamos a separación dos poderes entre os sistemas executivo, lexislativo e xudicial e a separación entre a Igrexa e o Estado.

  Apoiamos o desenvolvemento e o fortalecemento dos gobernos locais e demandamos máis autonomía e maior financiamento por parte do Estado e da Comunidade Autónoma.

  Aspiramos a que a experiencia, acumulada tras máis de tres décadas de traballo social e xestión municipal en Oleiros, sexa un exemplo práctico sobre o modo de poñer a acción política ao servizo das persoas para beneficio da maior parte da poboación e como defensa dos cidadáns ante os intereses dos axentes económicos. Desta maneira é evidente que o nome “Oleiros” hoxe significa “calidade de vida”, que Oleiros é un “concello diferente” e que o modelo de participación cidadá logrou un acercamento entre o goberno municipal e o pobo. 

Axenda Alternativa