Xestión


Dende que goberna “Alternativa dos Veciños” no concello de Oleiros, o patrimonio municipal pasou de ser “0”, a contar con:

- 72 edificios públicos,
- 38 instalacións deportivas descubertas,
- 65 parques e prazas públicas que suman máis de 836.000 metros cadrados,
- a auga e o saneamento chega ó 96% das casas do concello,
- existen 902 rúas e camiños que tecen unha tea de araña que intercomunica tódolos núcleos de poboación...

  A diferenza do Oleiros de finais dos 70 e o Oleiros do século XXI, é abismal. Hoxendía, existen:

- 4 Escolas Públicas Municipais Infantís, 3 Institutos, e 4 centros de EXB,
- unha rede de Bibliotecas –10 en total- que fai que tódalas parroquias conten con este servizo público aberto e vivo no que se levan a cabo distintas actividades para o fomento da lectura,
- casas do pobo –centros culturais- en tódalas parroquias,
- dous centros de saúde e en perspectiva un terceiro...

  Oleiros, pasou da noite ó día, e iso, non é de balde. É produto dun traballo, dun constante esforzo no que non faltaron enfrontamentos cos poderes de distintos ámbitos, porque o mesmo “xeito de facer” de “Alternativa dos Veciños”, resulta ‘molesto’ ó inmobilismo dos caciques e das forzas políticas que ata agora, resolveron sempre en política arramplando vantaxes para os seus bulsos, e relegando os intereses dos veciños a un último plano.

  Hoxe Oleiros, é un punto de referencia en toda España coa súa política urbanística, na que os propios veciños colaboran cedendo terreos para acometer obras de infraestruturas ó servizo de todos; constrúense arcéns e beirarrúas en tódolos núcleos, coa colaboración dos veciños; promóvense as zonas verdes en tódalas urbanizacións; a estética urbanística –non se permiten construcións que superen o baixo máis 3 alturas- combate o feísmo urbano ó que por desgraza, estamos tan afeitos en Galicia; constrúense novas infraestruturas culturais –Auditorio de Mera, Torres de Santa Cruz, A Fábrica, as Casas do Pobo...- ó servizo dos veciños; creáronse as Escolas Municipais de Danza e de Música, que cada ano incrementa considerablemente a súa matrícula; fanse programas de actividades deportivas á carta, segundo as necesidades de cada persoa; programas culturais, excursións, actividades dirixidas directamente ós veciños en aprendizaxes e obradoiros nos que se inviste o tempo de lecer aprendendo; promóvese o asociacionismo, e son estas asociacións cidadáns as que se implican directamente na organización de eventos e festas populares e temáticas...

  En definitiva, en Oleiros, os veciños e veciñas son quen constrúen o seu presente e sementan o seu futuro. Froito tamén da xestión de “Alternativa dos Veciños” no concello e nas instancias supramunicipais, Oleiros logrou que o “Consorcio das Mariñas” fose un feito tanxible, e grazas a el, se poida contar en breve con servizos públicos para tódolos veciños da comarca das Mariñas, que contribuirán a un maior crecemento da calidade de vida, e un maior desenvolvemento económico, social e cultural dos arredor de 400.000 veciños que integran a comarca. E é que un dos lemas que temos en “Alternativa dos Veciños” é o de non deixar que fagan as cousas por un: temos que ser nós mesmos, os veciños e veciñas, quen participemos activamente da construción do noso futuro e do deseño do concello que queremos.

  Dende os seus inicios, para a Alternativa dos Veciños, unha das maiores preocupacións foi o benestar social, a loita contra o desequilibrio social, a defensa dos dereitos dos homes e mulleres de vivir con dignidade, en definitiva, realizamos unha política destinada a promover condicións de igualdade no acceso aos bens e servizos públicos, que garanta a cohesión da nosa sociedade, e así facela máis forte, máis estable, máis capaz e máis humana.

  Na Alternativa dos Veciños, pensamos que a base da xustiza social está na distribución dos recursos de forma axeitada para así asegurar as necesidades básicas e que todos e todas teñamos as mesmas oportunidades afrontando a problemática de forma integral dende o ensino, a cultura, a saúde, a participación cidadán, o emprego a vivenda,... desenvolvendo os servizos sociais como un dereito dos cidadáns, promovendo a igualdade social e loitando contra a marxinalidade, facendo fronte aos problemas, incluso asumindo competencias doutras administracións.

 

 

  O papel que xogan os Servizos Sociais, na política da Alternativa dos Veciños, é puramente integrador, grazas á súa colaboración na disolución da conflitividade social, canalizando as diferentes problemáticas a través dun poder situado por encima de determinados intereses e en beneficio da harmonía social, implicando a toda a sociedade mediante actuacións de prevención que aseguran a cohesión social, fomentando a participación e a solidariedade veciñal como elementos promotores da calidade de vida e do benestar.

  Nos últimos anos, as persoas maiores presentan novas necesidades e demandas que constitúen novos retos para o política social, como son a acentuación da dependencia, a importante extensión de enfermidades como o alzhaimer ou outras demencias, os cambios na relacións familiares, o insuficiente apoio ás familias coidadoras, etc, en definitiva estas persoas cada vez ven máis disminuídas, en maior ou menor grao, a súa autonomía persoal, e dicir, a súa capacidade para realizar de forma independente as actividades da vida diaria.Estas foron varias das causas que motivaron ao Concello de Oleiros para que con data 3 de xuño de 1996 puxese en funcionamento o “Pazo dos Vellos”, inmoble denominado Pazo de Arenaza, Centro – Fogar de Día da 3ª idade.

  O Pazo dos Vellos é un establecemento público, creado e mantido polo Concello de Oleiros, e supervisado polos técnicos/as da área de Servizos Sociais do mesmo, no que as persoas maiores, con autonomía reducida, reciben atención continuada durante o día. Os seus obxectivos orientanse a mellorar a calidade de vida e o mantemento das habilidades das persoas maiores, e por outro lado, ofrecer o apoio necesario para favorecer o mantemento adecuado do maior no seu medio habitual de convivencia. En termos xerais, O Centro Fogar de Día “Pazo de Arenaza” presta atención xeriátrica e rehabilitadora, cuidados persoais, asistencia médica de carácter preventivo, terapia ocupacional, actividades físicas e de tempo libre,...

  O Centro Fogar de día “ Pazo de Arenaza” é unha solución intermedia, un servizo de atención integral durante o día que conta cun número total de 40 plazas e que ofrece os seus servizos de luns a sábado inclusive. Ademáis, o Pazo dos Vellos- Pazo de Arenaza” conta con vivendas tuteladas de pequeno ou mediano tamaño destinadas a albergar en réxime de convivencia, case familiar, a un número máximo de 10 persoas maiores, con alto grao de autonomía , polo que funciona en réxime de autoxestión. O Centro – Fogar de día “Pazo de Arenaza” está situado nunha zona rural integrada no entorno próximo aos Servizos Sociais e Sanitarios., ademáis as súas características arquitectónicas o convirten nun lugar emblemático e moi especial para a convivencia. Tratase dunha construcción que data de 1850, claro exemplo de Pazo rural galego que conserva un fermoso galpón en patio con pozo central, así como un horreo en pedra de cantería labrada. Asemade, o xardín, orientado ó solpor e mediodía, evócanos a vida de lecer que levaban os terratenientes galegos da metade do século pasado e que agora poden disfrutar os nosos maiores.

  O Concello de Oleiros dirixido por Alternativa dos Veciños fixo un gran esforzo par rehabilita-lo edificio, sen intervir demasiado no seu corpo primitivo, para que conservase o seu xenio orixinario. Así, o Pazo de Arenaza recobra da man dos nosos vellos, a fermosura de antano: nel pasan a vida convivindo entre eles, xogando, facendo ximnasia, xantando,.. e cos máis adecuados servizos para asúa mellora física e psicolóxica.

 

GRUPO DE GOBERNO DA ALTERNATIVA DOS VECIÑOS

 

 Angel Garcia Seoane - Alcalde

  Maria José Varela Neira - Concelleira de Interior, Seguridade Ciudadá, Urbanismo e Economia e Facenda

 Marga Figueroa Vázquez - Concelleira de Participación Ciudadá, Cooperación e Recursos Humanos

 Ignacio Crespo López - Concelleiro de Servizos Sociais e Sanidade

 Teresa Vázquez Maseda - Concelleira de Deportes, Turismo, Promoción Económica e Formación y Emprego

 Esther Garrido Pan - Concelleira de Cultura e Normalización Lingüistica

 Rodrigo López Piquín - Concelleiro de Obras Públicas e Medio Ambiente

 Sandra Fernández Fernández - Concelleira de Facenda e Contratación

 Jaime Rumbo Mosquera - Concelleiro de Servizos Municipais

 

 Iria Barreiro Antón - Concelleira de Ensino e Xuventude

 Rosa María Méndez Gómez - Concelleira de Parques e Xardíns

 Pablo Cibeira Taboada - Concelleiro de Comunicación e Novas Tecnoloxías da Información

 Marcos Regueira Pérez - Concelleiro sen dedicación

 Gonzalo López Paz - Concelleiro sen dedicación

 

Axenda Alternativa